E, sen querelo, van dez semanas seguidas remexendo ligazóns

Dez semanas xa. Pero ten trampa, non foron seguidas. O obxectivo será comprobar se podo chegar ata o Nadal. Veña, aquí vai unha compilación de cousas breve, que esta semana case boto os fígados fóra de tanto traballo.

O tema de instagram continúa… Facebook fai públicos dous informes, o WSJ fai públicos outros catro que tiñan ocultos. Seguen a negar que sexa nocivo para as mozas adolescentes. E en toda esta polémica, esta semana tamén pararon o proceso de creación dun “instagram kids”. A nova non é que o pararan, senón que sabían que instagram era nocivo para os máis novos e aínda así, planeaban unha app específica para eles.

Unha intelixencia artificial que resume libros, e non o debe facer moi mal. O seguinte será unha IA que recurte as pelis e faga fragmetnos de 10 mintos onde condense todo o argumento sen perdas sustanciais, non?

Outro uso máis de IA: detectar falsificacións nas galerías de arte. Veremos movementos luditas por parte dos expertos para defender os seus postos de traballo? Creo que aquí tamén hai un nesgo… se os postos que se perden son de baixa cualificación, é “o progreso”. Se son de alta cualificación… en fin. Non teño posicionamento sobre este tema, pero dáme que pensar.

Francia prohibe o uso de office 365 nos seus ministerios, por medo a que os servidores (azure) compartan datos co goberno americano. Non sei, igual ten que ver co temiña ese dos contratos de Defensa e a lea que se montou.

Non sabía que se vendían licenzas de windows e office por un par de euros. “no sé Rick, parece falso”.

Amazon Glow, un trebello para os nenos que teño ganas de seguir investigando: videoproxector, interactividade… Non me sorprendería que acabase en Chez Rolán…

A banca española, en pleno proceso de fusións e peche de oficinas, contrata a máis de 1500 científicos de datos. A banca online está a facer dano. Tamén os roboadvisors. E as criptomoedas.

Os máis novos que chegan á universidade xa non recoñecen o sistema de carpetas, unidades, ficheiros… a facilidade de uso dos buscadores fai innecesario este marco mental. Eu teño claro que o feito de que unha máquina expendedora ofreza o produto que lle pidas non quita que saibas que ten estanterías e outras formas de organización interna dos produtos. Xa sei que debería estar na vindeira sección, así que aquí vai!

Academiña

Un vídeo viral de TikTok sobre como participar en enquisas e gañar uns cartiños… consegue introducir nesgos nas investigacións e frea algunhas das que estaban en marcha. A miña solidariedade coas investigadoras. Vaia preas andan pola internet adiante…

As wifis eduroam poden ser vulnerables en moitas universidades. Eu aínda non sen por que non me podo conectar na Uvigo a eduroam, pero na USC si.

Cousas da publicidade

A comp

Mundo Apple

Dos creadores das medicións de extensións en campos de fútbol, chegan as medicións de salarios en iPhone 13. En moitos países, fai falla traballar máis de tres meses para comprar un iPhone 13. Falaría eu dos salario de “la Academia”, pero non é o momento nin o lugar.

Por certo, que en El País xa contabilizan a extensión de magma que amplía a illa de La Palma en “Alhambras”. Seica a extensión nova da illa supera xa 8 Alhambras. Un novo fito do periodismo (non gardei a referencia, erro meu)

Caixón de-sastre

Así naceu Cálico Electrónico. A única webserie á que estiven enganchado. Que recordos!

Feliz domingo. Feliz semana!