Este Nadal caeron os AirPods Pro. Non era un trebello polo que devecera, pero claro que me fixo ilusión. E despois de ler moito sobre eles (supoño que vós tamén meditades as vosas compras ou caprichos con Google, non?), creo que a mellor aportación que podo facer é a miña valoración sincera despois de empregalos durante este tempo.

Os AirPods Pro son a versión “premium” dos auriculares de botón de Apple. Se non os coñeces, é que tes estado en poucas videoconferencias durante os últimos doce meses. Semella que a conta de zoom ven ligada a estes auriculares.

Non son un “reviewer pro”, pero si quero facer unha descrición completa, para o que dividirei este texto en varios subapartados.

Deseño

Pouco que sinalar sobre o que, seguro, xa coñeces: blanco Apple, cun botón táctil (esquécete de subir ou baixar o volume dende os mesmos). Pero son robustos, eh?

Copiados ata a saciedade, hai ducias de marcas chinesas que emulan estes auriculares (sobre todo os irmáns pequenos). Teñen menos rabiño, e iso nótase na menor duración da batería. A min, a verdade, cústame diferenciar os orixinais das copias, sen probar o son.

Son moi, moi discretos na orella, podes ir pola rúa sen temor a chamar a atención. Isto é algo que me gusta moito destes auriculares.

A base de carga é moi cómoda. Moi, moi cómoda. Ten un peche imantado cun son (clap) moi agradable. Os auriculares van cada un no seu buraquiño, non teñen perda porque non colle un no sitio do outro.

Ergonomía

Os auriculares son lixeiriños, nin notas que os levas postos… polo menos cando os acabas de poñer. Isto vai por gustos. Eu son un amante dos auriculares circumaurales (os que cobren toda a orella), e síntome especialmente cómodo cos da marca AKG e Sony (e especialmente incómodo cos Philips), pero tampouco escapo dos auriculares de botón. Tiven os brancos de Xiaomi (unha broza, non me duraron seis meses) e os Xiaomi AirDots, que son a versión barateira dos auriculares de botón… coa mellor relación calidade prezo que existe, en serio.

Ao cas: os airpods pro son cómodos. Teñen varios moldes (tres tamaños) para que o axustes á túa orella, aínda que na maior parte dos casos o tamaño medio será o que empregues. Eu nin probei os outros dous…
Pero co paso das horas, cansan. Non o notas con eles postos, pero cando os quitas pensas… que alivio!

Con todo, son os mellores auriculares de botón que probei (probei unha ducia, aproximadamente). Se tes medo de que che caian, mesmo se fas deporte, podes esquecelo. Eu ás veces emprégoos na bicicleta estática e sen problema. E durmo con eles postos – podcast, xa sabedes – e cero problemas. Ás veces ata desperto no medio da noite con eles postos aínda.

A modo de anécdota: tiven uns días un graniño na orella, no conduto auditivo, e non foron demasiado incómodos.

white wireless earbuds
Fotografía de Daniel Romero

Calidade de son

A ver. Son auriculares de botón. Se esperas uns graves contundentes e agudos altísimos, vaite esquecendo. Dito isto, escóitase moi ben. O son é bo en frecuencias baixas e altas, non fai cousas extrañas en ningún rango de frecuencias… pero a min non me acaban de convencer. Escóitase ben, en serio, PERO son auriculares de case 300 euros; quero máis. Quero mellor.

Sempre me gustaron moito os EarPods, os que teñen cable que veñen co iPhone, e mesmo son os que recomendo nos cursiños de podcasting, xa que por 15-20€ son unha opción xenial. Pois creo que me gusta máis como sonan os EarPods cós AirPods.

O que si me gusta é a calidade da voz do micrófono. Creo que é do mellorciño que probei. A moitas persoas pareceralles unha razón accesoria, pero para min é fundamental. Quero uns auriculares que se poidan conectar a calquer trebello e que reproduzan bo son, e capten tamén bo son. Emprego os auriculares para algunhas das clases en remoto e son moi cómodos; escóitaseme moi ben.

A proba definitiva foi que, cando valorei en serio a compra, chamei a un colega que os ten para preguntarlle se se escoitaba ben o seu micro. A súa resposta foi “estou con eles postos, contestándoche a través deles”. Con voz clara e cristalina. Nada máis que engadir.

Cancelación de ruido

Esta é a función estrela e pola que os fabricantes de auriculares apostan nun nicho de mercado moi concreto: auriculares con cancelación activa de ruido (deixa moito marxe de beneficio, aínda que a tecnoloxía ten recorrido por diante para a súa mellora).

A cancelación de ruído pode ser pasiva, cun bo peche da orella para evitar sons externos, ou activa, co rastrexo constante de sons externos e emisión de ondas da mesma frecuencia para anulalas. Ese é o principio activo que rexe todas as cancelacións de ruído (en adiante, ANC, acrónimo de Active Noise Cancelation), pero non todas as marcas conseguen que se faga ben. O normal é que os sons graves e constantes (unha aspiradora, o motor dunha neveira…) se anulen ben, pero coa voz… é outro cantar.

Pois os AirPods Pro teñen unha boa cancelación de ruído, pero están a unha boa distancia dos líderes do mercado. Que estaría mellor? Que fixeran algo máis de vacío na orella cando os poño (si, sei que son de botón, nos circumaurais é máis doado) e que reducisen algo máis a voz.

Hai unha cousa, ligada á cancelación de ruido, que si me gusta moito. Moitísimo. O “modo transparente” ou a capacidade de estar escoiando música (ou podcasts) e ao mesmo tempo escoitar os ruidos do teu arredor. Cando vin esta característica pensei “vaia parvada, eu o que quero é desconectarme do mundo”. O parvo era eu. Este é o modo no que os utilizo o 90% do tempo. É o modo perfecto para ir pola rúa e poder escoitar os coches e posibles perigos ao teu arredor, e o modo perfecto para estar na cama escoitando as miñas cousas e poder sentir ao pequeno se desperta ou me pide algo. O “modo transparente” é algo que non sabía que necesitaba, e agora non podería vivir sen el.

Por certo, este modo transparente tamén me deixou ver o “mal facer” de Apple. Cando tes os auriculares postos, podes escoller entre ter a cancelación activa, o modo trasparente ou todo apagado, en todos os trebellos EXCEPTO no iphone 6. Unha mostra de obsolescencia – por software – programada.

Conectividade

É moi fácil emparellalos e usalos se es do “ecosistema Apple”. Quero dicir, se abres a caixa por primeira vez a carón do iphone ou ipad, vai a recoñecelos de inmediato, e unha vez que os emparellas, están dispoñibles en todos, TODOS os trebellos nos que utilices iCloud. Iso é cómodo, sobre todo porque podes estar no ordenador, e telos tamén conectados no teléfono, e comezas a escoitar algo no ordenador e despois segues no móbil, ou recibes unha chamada no móbil e non tes que andar con configuracións raras.

Pero tamén vos digo que esta conectividade, da que presume Apple, tampouco é efectiva no 100% das ocasións. Xa non é a primeira vez que Spotify se volve tolo entre trebellos, ou que non se conecta ben ao mac. Mesmo me pasa que cando estou coa ferramenta de teledocencia da Uvigo a calidade de audio das outras aplicacións do mac resíntese considerablemente.

En resumo, está ben, é cómoda, pero non é a solución definitiva, nin moito menos.

red and white card on blue denim jeans
Fotografía de Omid Armin

Outros aspectos

Ten carga sen fíos, pero non me fío moito… A ver, funciona ben, eh? Pero xa sabedes que os trebellos que se cargan sen fíos teñen que estar nunha posición concreta e non movelos. O feito de que o led de identificación (laranxa a media carga, verde a carga completa) so permaneza encendido uns segundos é algo desconcertante. Tamén é certo que ter o led encendido consumiría a batería.

A duración da batería… A miña experiencia real é de non máis de 3h con eles postos. Nunca esgotei a batería dunha soa tacada porque non os tiven tanto tempo postos sen ter que quitalos. Coa cancelación de ruído a batería esgótase antes. A caixa dará para unhas tres cargas completas dos auriculares.

A caixa tamén ten un botón, moi ben disimulado, que seguro que é para resetear a conexión bluetooth. Nunca o empreguei.

Con que os comparo?

Este apartado é fundamental para que entendas os comentarios destes auriculares. Non os comparo con nada, pero teño outros auriculares dos que teño boas referencias, uns Mpow con cancelación de ruído (broza), uns AKG de cable que teñen xa dez anos, uns Senheiser (da miña señora) ultracómodos e outros Sony (prestados), todos eles supraaurales. E uns Xiaomi AirDots. Todos teñen cousas boas e malas, ningún é perfecto.

E ben?

Teñen cousas moi boas, pero non merecen a pena polos 279€ que custan. Se tes sorte, podes atopalos nalgunhas webs por uns 180€ (se estás moi atento aos choios), pero son caros para o que ofrecen. Os Xiaomi AirDots teñen peor calidade de audio, non teñen cancelación nin son tan bonitos, pero son case tan cómodos e fan a mesma función (vale, o micro dá pena) por uns 15€. Polo que non estou disposto a pagar é polos irmáns maiores, os AirPods Max, que custan máis de 600€.

Se os cartos non son un problema, non te van a defraudar, pero se o teu orzamento é limitado, valora outras opcións (disque os de Huawei van moi finos). Agora ben, se vas a ratear 30€ – 50€, vai a por estes, que están xenial. E se non estás contendo, véndeos en Wallapop, que os produtos de Apple deprecian pouco!