A miña configuración para a teledocencia

Hoxe comparto convosco a miña configuración para a teledocencia, tanto síncrona como asíncrona, baseada nesta experiencia de uso forzada (pero so un pouco) do último ano. A verdade é que me sinto bastante cómodo. Sigo preferindo a formación presencial (por iso organizo cursos presenciais), pero en situacións particulares ou con algunhas materias singulares creo que é axeitada. E, con franqueza, creo que cando “pase todo”, tamén agardo que algunhas cousas queden (entre elas, as reunións ordinarias virtuais, titorías e algunhas sesións de clase).

Aquí vai unha descrición medianamente longa con algunhas aplicacións, trebellos e servizos que emprego tanto na docencia síncrona como asíncrona, ben sexan “impostos”, ben sexan escollas persoais sobre un abano amplo de posibilidades.

Docencia síncrona

Plataforma de teledocencia: na empresa na que traballo optaron por unha adaptación do software libre Big Blue Button. O resultado, na miña modesta opinión, é inmellorable. As opcións de configuración son as axeitadas, e se ben non podemos ter a todo o alumnado conectado coa súa webcam, é un sistema que se amosou robusto e sólido. Iso si, os usuarios de mac debemos empregar, preferentemente, Chrome, e non empregar, se posible, nin Safari nin periféricos sen fíos.

Outras solucións que probei, polas circunstancias e eventos académicos nos que participei, foron: Zoom, Blackboard, Teams, Meet, Cisco Webex ou Skype. Do mellor que probei… Zoom. Sen dúbida. E do peor, Blackboard, que para ser software privativo, é horrible. Especial mención á maneira de drenar a batería que ten Meet no meu portátil (francamente dedepcionante).

Configuración de ordenador: hai unha serie de programas que emprego de xeito habitual ou recurrente

  • Emprego o navegador Edge: resúltame moi cómodo e útil, sobre todo polas “coleccións” ou marcadores hipervitaminados. Ademais, como so o utilizo para cousas docentes, non teño “suxas” as cookies nin teño outras lapelas de xestión ou persoais abertas. Falei del no meu podcast (episodio curtiño)
  • Software no meu equipo: trato de ocultar as iconas do escritorio, e utilizar un marcador para o rato, xa que unha parte da miña docencia está ligada ao desenvolvemento web, e así non perden o punteiro seguindo as miñas clases. Aquí van as opcións de software que me acompañan para facer esas cousiñas (pero seguro que tedes alternativa ou versión en windows).
    • Presentify: permíteme marcar o cursor e que apareza sempre cun círculo vermello ao seu redor. Ademais, se o preciso, podo deixar anotacións na pantalla, debuxar… etc. Como comparto a pantalla, é moi cómodo.
    • Nonotify: elimina as notificacións. Aínda que sempre podes activar o modo “non molestar” do teu equipo. As notificacións son parte da vida privada, ninguén ten por que velas.
    • OneSwitch: funciona como acceso directo a moitas opcións moi útiles. Especialmente importante resúltame esconder as iconas do escritorio cando comparto pantalla. Tamén forman parte da miña vida privada.
black and silver headphones on black and silver microphone
Photo by Will Francis

Configuración de audio: posiblemente, onde máis tempo perdín invertín… para escoller os altofalantes e micrófono axeitados. Algúns dos trebellos que probei foron:

  • Micrófono e altofalantes integrados no ordenador portátil. Fuxide deles sempre que sexa posible, aínda que recoñezo que as capacidades do ipad pro son moi boas (lástima de navegadores!)
  • Auriculares bluetooth, de botón e diadema. Ningunha opción chegou a convencerme, e mirade que probei algúns moi bos. En particular, teño moita perda de calidade co sistema BBB que empregamos no traballo, por iso fuxo deste tipo de auriculares.
  • Auriculares con micrófono, vía USB. Sempre que sexa posible, é mellor empregar trebellos con fíos, xa que evitas tamén un problema moi habitual: a latencia ou desfase entre os audios. Por non falar das “reconexións”, que con BBB son un calvario. Logitech ou Trust teñen opcións moi asequibles de prezo.
  • O mellor trebello? Logitech G Pro X (tamén hai versión wireles, pero eu quería CABLE). É certo que o rango de prezos é moi dispar, dende os 20 ata os 600 euros tes opcións para todos os gustos e cores. No meu caso, precisaba uns auriculares que tivesen un BO MICRO, que non sonase a castaña, e tiven que pasar, si ou si, polo segmento “gamer”.
    A opción Logitech, que agora é tamén Blue (si, os que fan os magníficos micrófonos), integra o software de ecualización “blue voice“, que dá moi bos resultados.
    Uns altofalantes moi, moi cómodos, cun moi bo micro. E sen luciñas de cores que non aportan nada.
  • A mellor opción? Un micrófono Blue Yeti + uns auriculares que che resulten cómodos. Pero xa estaríamos falando duns 200€ aproximadamente…
  • Software: emprego Boom3D como ecualizador para a música, e SoundSource para editar as fontes de entrada e saída do audio. O mellor software que probei en 2020 (que INCRIBLE é todo o que fai Rogue Amoeba para audio). O das fontes de entrada e saída non é ningunha parvada, eh? Que ao final andas con catro ou cinco fontes, e con este software evitas os incómodos “escóitasme?”
person taking picture of temple
Photo by Joey Huang

Configuración de vídeo: unha cuestión fundamental para compartir a miña cara e romper, na medida do posible, a distancia virtual entre o grupo. Para iso probei varias configuracións diferentes.

  • Uso de webcam integrada: non me convencía moito a cámara do mac, a verdade. se non queda outra, usádea, pero a calidade é moi baixiña, polo menos nos meus equipos. Pasa o mesmo cos portátiles windows… a calidade da cámara sempre é… reguleras.
  • Webcam externa: unha boa solución, se podes permitirte unha webcam externa. Eu probei varias, e a mellor é unha logitech con micrófono incorporado. Non é o mellor micro, pero é mellor cá castaña que trae por defecto o ordenador. Ollo que aquí para ir a un bo produto estamos a falar de 100 euos
  • Uso do teléfono móbil como webcam. Cun trípode axeitado, e conectado por cable, pode ser unha solución… pero non deixa de ser un apaño. O mellor é probar coas opcións anteriors. Aínda que para ter como segunda cámara nun momento puntual, pois pode estar ben. Pero… como se integra unha segunda cámara? Pois co derradeiro punto deste repaso dos vídeos, as cámaras virtuais
  • Cámara virtual: o gran descubrimento durante a pandemia. Se para moitas persoas Zoom foi a verdadeira revolución, para min foino o uso de cámaras virtuais. A través deste tipo de apps podes alterar o aspecto da emisión da túa webcam, con filtros, diapositivas, pantalla compartida ou mesmo outra cámara. Estou empregando mmhmm, que descubrín polo moito que falaba sobre ela Enrique Dans (poderache gustar máis ou menos, pero de docencia sabe moito, e tecnoloxizado está bastante…)
    Con esta cámara virtual evito compartir o que sucede detrás de min (non teño nada que esconder, pero tampouco me apetece compartir onde estou…), e sen poñer fondos cutres como algúns que trae Zoom. Tan so seleciono esta app como webcam na plataforma de streaming e listo!

Docencia asíncrona

Plataforma de teledocencia: a empresa na que traballo optou por implementar unha versión de Moodle moi completa. Creo que é unha solución moi axeitada e eficaz, aínda que eu estou a experimentar con outras opcións pola miña conta. Estou probando a fusión de Worpdress con SenseiLMS para facer microcursos, ao máis puro estilo MOOC. Pero as probas van lentas, que o tempo é un recurso moi escaso…

Elaboración de material: aquí opcións hai tantas que so vou a referirme a un pequeno servizo que me facilitou moito a creación de pequenos titoriais en PDF: Cursive Scribe. Esta aplicación rexistra todos os clics e inputs no teclado, e fai captura de pantalla de cada paso para xerar PDF moi completos. Afórrame moito tempo neste tipo de titoriais de “cousas de internet”.

Gravación de aulas e vídeos: A propia solución de BBB que empregamos no traballo permite que se poidan gravar as clases. Paréceme unha solución cómoda, porque tamén garda o chat e porque ao mesmo tempo permite saltos de diapositivas se empregas unha presentación en PDF.
No entanto, ás veces preciso algún tipo de gravación da miña pantalla, para o que opto por dúas vías. A vía fácil é empregar mmhmm para gravar a pantalla, con audio, e listo. A vía complexa, cando requiro edición, é tirar pola gravación de vídeos e audios en pistas separadas a través de Camtasia. É un software caro pero que se amortiza pronto se tes que facer varios vídeos.

Eses vídeos, por certo, van a unha canle de youtube, en modo privado (so quen ten o link pode velos). Así o levo facendo durante anos, e funcióname ben. Sei que Vimeo ten unha opción premium moi interesante, para poder ver vídeos so baixo un dominio que teñas, pero con Youtube apáñome. Aínda non me segues na miña canle? Pois suscríbete e campaíña. Non publico moito en público, pero en privado xa teño unha boa recua de vídeos!

Outros recursos docentes que me resultaron útiles. Como son usuario de mac, polo xeral a xestión de ventás xa sabedes que é nefasta, así que trato de empregar algunha ferramenta que me axude a reubicar as ventás arrastándoas a unha esquina (como BetterTouchTool) ou reasignarse espazos concretos nunha cuadrícula (como Divvy).

Os mellores trebellos combinados?

A docencia remota ten a vantaxe e inconveniente da localización. Non sempre estou na miña localización no centro de traballo, e non sempre podo dar aulas dende a miña residencia habitual, polo que a configuración de trebellos varia segundo a localización e posibilidades.

Procuro estar nunha estancia eu so, sobre todo por non molestar, e a mellor combinación que teño é co meu portátil e un monitor externo. Esta combinación permÍteme compartir un monitor co alumnado, ao mesmo tempo que no outro monitor manteño a plataforma de teledocencia (para ler o chat), o Moodle, outro material para o seguimento das clases (chuletas, hehehe) e outras apps de xestión en tempo real (coma o audio). Sen embargo, cando estou co portátil e monitor, debo ter tamén o micrófono, webcam e máis cacharrada por riba da mesa.

Cando preciso unha contorna minimalista, o ipad é unha solución medianamente asumible en termos de calidade, sobre todo polos seus micrófonos (que calidade, en serio!), pero non todo o software funciona sobre a plataforma do ipad. En serio, é un trebello que ten a potencia dun reactor nuclear montado sobre un carro tirado por bois, que desperdicio de hardware na pataca de software que monta!

O portátil convertible que me facilitou a empresa para a que traballo (Lenovo yoga de 11 polgadas) é outra solución aceptable en termos de relación calidade-prezo, pero cústalle afrontar procesos de alto rendemento (como edición de vídeo). Para a maioría, é a mellor opción, dende logo. E para as materias que imparto agora mesmo, tamén (deseño web, redes sociais…).

E ata aquí a experiencia. Se precisas máis referencias, ou queres compartir as túas, tes a caixa de comentarios aberta para o que precises.