top-tenCo gallo do día de Internet aproveito para compartir un (que non “o”, nin “o definitivo”) compendio, recopilación, pack – chamádelle como queirades –  de servizos e aplicacións que se me antollan imprescindibles no meu día a día coa Internet.

  1. Grooveshark, porque me resulta imprescindible traballar con música.
    A través desta aplicación escoito música que me gusta e, o que máis me entusiasma, descubro música nova. O seu recomendador musical (Turn Radio On) funciona realmente ben. E coido que as posibilidades de broadcasting – funcionalidade recentemente engadida – pode funcionar moi ben.
  2. Dropbox, o meu cartafol de docuementos na nube.
    Co uso desta aplicación diminuiu sensiblemente o meu uso de pendrives. Ademáis, grazas a ter conta de correo na Universidade de Vigo e a unha das mellores campañas de marketing dixital que lembro, xa supero os 20Gb de espazo
  3. Jdownloader, o que me axuda a descargar as cousas que semellan indescargables.
    E non me refiro á descarga de contidos “ilegais”. Con JDownloader podo descargar vídeos de youtube para telos en local, ou unha lista de artigos en pdf que están na mesma URL. Se non o coñecías, deixa de ler este artigo e proba ese programa. XA!
  4. Evernote, as notas que quero tomar, en todos os dispositivos.
    Costoume utilizar moito tempo este programa, pero o seu uso vai incrementando co tempo. É cuestión de organización e ordenamento dixital (a miña asignatura pendente), sen embargo a posibilidade de utilizado en todos os trebellos que teño e as apps para navegadores que existen (botádelle un ollo á chrome store)
  5. Google Reader, a miña dose de información diaria.
    Este é, quizáis, o punto máis conflictivo de toda a lista. Non son os feeds (e aproveito a ocasión para lembrar a un dos arquitectos do internet actual, Aaron Swartz) senón da aplicación de google para a xestión de feeds. Grazas a ela descubrín novos blogs, organicei as miñas lecturas, marquei favoritos e, grazas á política aperturista do seu momento, aproveitei o marabilloso deseño de terceiros como Silvio Rizzi e a súa app Reeder para a xestión das novas. Tamén Flipboard… as aplicacións son moi numerosas, pero cun obxectivo común: manterme informado dunha maneira alternativa á agenda setting establecida polos media tradicionais.
    Agora que Google vai a pechar o servizo, aínda non sei que decisión tomarei… pero feedly ten moitas posibilidades para substituílo.
  6. Twitter, Facebook, Linkedinas redes sociais, en xeral. Porque me dan de comer, e porque o paso ben nelas.
    Tan diferente o que adoito publicar nelas, a maneira de relacionarme con todos vós, e o moito que me aportan estas plataformas. Aprendo todos os días algo novo. Descubro novas en tuíter, novos argumentos, manteño o contacto con quen quero en facebook – e as distancias cos que me interesa, tamén – e estou en contacto profesional en linkedin…
    Para escribir este post foime moi útil a conversa de onte, que me permitiu reordenar elementos en función das preferencias dalgúns de vós.
  7. Wordpress. Porque nunca crear unha web foi tan sinxelo.
    Ata o punto de que calquera pode facelo, sen desmerecer o traballo que outras empresas desenvolven, algunhas na nosa terra, especializadas en webs feitas con wordpress. De feito, o interesante de wordpress é o escosistema de desenvolvedores e empresas que utilizan esta plataforma. Altamente recomendable, e sen custe de licenzas de software.
  8. Google. Internet sen este buscador sería un absoluto fracaso.
    Quizáis unha das partes ás que menos recursos lle presta a propia Google (salvando as distancias con google reader), pero sen dúbida dos mellores produtos que teñen
  9. Correo electrónico. Un vello aliado que se resiste a morrer
    E mira que o intentan. E a mensaxería instantánea nos dispositivos móbiles está a restarlle uso, ben seguro, pero segue a ser imprescindible. Creo que merece un bo lavado de cara e funcionalidades, pero o correo electrónico sobrevivirá durante anos a moitas modas pasaxeiras. Sobreviviu ao chat IRC, ao messenger… e sobrevivirá ás redes sociais (isto é unha valoración propia sen datos obxectivos).
    De entre todos os servizos mail, o correo de google éme imprescindible, se ben a experiencia cambia moito en función do xestor de correo electrónico que escollas.
  10. _______
    Non, non hai número 10. Sería inxusto un número 10 e pechar a lista, así que, inserta aquí o servizo que queiras. Seguro que acertas con el e sería perfectamente válido no meu “top ten”.

Algunha aplicación ou servizo sen o que poidas vivir? Deixa un comentario!