Hai uns cantos meses contaba como fora a miña experiencia co consumo dun coche nun ano, así que, animado pola temática do motor, hoxe vou facer unha revisión dos meus primeiros 10.000km con GRU.
En febreiro, logo dun ano de problemas e falto de costume coa tracción traseira, xurdiume a ocasión de cambiar de coche e, como un fillo pródigo, volvín ás mans da volkswagen para conducir, de novo, un golf. A fotografía do cadro é GRU, o sucesor do “señorino” (alcume que lle puxo Daniel Caneiro ao BMW 320d) e terceiro coche en propiedade na liñaxe dos “coches de xabi”. E en apenas 5 meses xa lle fixen 10.000km. Cando os traxectos son Coruña – Pontevedra e Coruña – Pepín, non asusta tanto. E se lle metes algunha viaxe a Asturias polo medio, pois compréndese o uso e, ás veces, abuso do coche.
Así que aquí van un par de números que resumen o uso do coche, un Golf VI TDI 105cv.
- 10550km recorridos
- 672€ gastados en combustible
- consumo medio de 4,77 l/100km
Recomendaría este coche?
Absolutamente. De feito, xa o sabedes, regreso ao mundo Golf. É un coche máis caro que a media do seu segmento, pero o aforro en combustible, o acabado interior, o tacto da condución… (se non ves a foto, preme aquí)
- Consumo. Consumo real, non “ficcionado”: supero os 1000km con 50 litros de combustible. En todos os depósitos. No meu caso persoal supón uns 10€ por cada depósito. Iso son máis de 300€ ao ano.
- Seguro relativamente barato. Dependendo da compañía, podes aforrar cartos con este coche, xa que ten unha cilindrada baixa e pouca potencia.
- Conducción suave. O son do motor é imperceptible. Ao principio, tiña que mirar o contarrevolucións para saber se estaba prendido o motor. Os ruídos no habitáculo corresponden ás rodas en marcha, porque o motor apenas sona
- Grilos? Non existen. Unha das teimas dos condutores son os “grilos” ou ruidiños por dentro: plásticos mal rematados, xuntas mal deseñadas… que acaban xerando un mundo de ruídos que pode chegar a ser molesto. Neste coche non existen
- A iluminación do cadro. Se me tiña namorada a iluminación azul e vermella da anterior xeración, a branca e vermella é espectacular. Podedes atopar mil vídeos sobre o cadro, pero en persoa é máis bonito aínda (e iso que eu teño a versión máis sinxela)
- O posto de conducción. Moi amplo. Non ao nivel de monovolumes, pero moi, moi cómodo. Sobre todo para persoas ás que lles gusta escarrancharse (coma min) e que o xeonllo dereito non lle toque en nada. É bastante cómodo. non supera ao Golf IV no do xeonllo, pero é moi cómodo. Os asentos son incriblemente cómodos.
- A dirección. É moi suave. Moi, moi suave. Agradecería un par de graos máis de xiro, pero a usabilidade suple con creces esta pequena carencia no xiro.
- O maleteiro. Sempre me gustaron os coches con portón traseiro, e a capacidade do malesteiro do Golf sorprendeume, alomenos polo uso que eu fago do maleteiro: cargo bidóns de ata 50litros con facilidade, e queda oco para o trípode da cámara e mesmo o maletín do portatil. Ollo porque se raia con facilidade, pero é un bo maleteiro.
Qué non me gusta deste modelo?
- Cada vez existen máis accesorios que se consideran “extras”. No meu caso, so traía control de velocidade e climatronic. Por non ter, non ten nin antinéboas dianteiras. A quen lle gusten os extras (sen incremento de prezo) que busque outra marca, porque VW cobra por todo. De feito, os sensores de aparcamento traseiros monteinos eu por menor prezo que no concesionario (e se queres instalalos no teu vehículo, fala comigo, podemos chegar a un acordo)
- Cabecea a ralentí. Supoño será cousa de levalo a concesionario, pero o motor en quente cabecea cando está parado nun semáforo. Non chega a ser molesto, pero non te acostumas a ese movemento. Quizáis axustando as revolucións de ralentí se
- O motor non ten vida a baixas revolucións. En serio, non pensei que o Common Rail e o motor 1.6 penalizasen tanto neste sentido. O coche anda rápido, vaia se anda, pero nunca lle esixas potencia de entrega nunha aceleración brusca, porque te deixa vendido. A propia electrónica, que se adapta ao condutor, o pequeno motor e o common-rail obrigan a baixar unha marcha – ás veces mesmo dúas – para adiantar a outro coche.
E, como bonus track, malia levar cinco meses co coche, xa levo unha multa por exceso de velocidade.
Por certo… si, marca 53.000km… é de segunda man (52.000 cando o merquei). Un coche novo é, de lonxe, a peor inversión posible. En xeral, un coche é unha mala inversión. Se podedes evitalo, vivide sen coche
Una gran compra :) Apertas!